Festival Internacional de Narración Oral do Perú “Todas as Palabras, Todas!” (4/5)

9 outubro, 2015

Empregamos o día 16 de setembro para viaxar en avión dende Lima a Cusco. A viaxe dura un pouco máis que unha hora, e o aterrar coñecemos o soroche (mal de altura), xa que Cusco atópase a case que 3.500 metros sobre o nivel do mar. Tivemos todo o día para descansar e aclimatarnos o que foi moi axeitado xa que o día seguinte a axenda estaba completa.

Comencei pola mañá contando no Colexio Técnico Mixto Luís Vallejos Santoni:

E proseguín no Colexio La Salle, nesta ocasión para os alumnos máis pequenos. Unha das nenas ao ver a miña bonequiña de millo exclamou: Un choclo vivo!!! Así lle chaman o millo, nunca tal viu! que risas pasamos.

Pola tarde, a esperada función para adultos no Auditorio do Instituto Cultural Peruano Norteamericano del Cusco (ICPNAC), onde despois do impresionante espectáculo Selenque de Mijail Echarri, narrei Palabras en la Boca.

A mañá seguinte tivemos o inmenso pracer de almorzar cedo no mercado de San Pedro de Cusco, na compaña de Miguel “El Chato” Álvarez y El Wayqui, quen nos deron unha clase maxistral sobre os produtos que se atopaban no mercado.

Despois de coller forzas en varios postos do mercado, viaxamos en  compaña de Gonzalo Paiva a vila de Urubamba, no Val Sagrado dos Incas. Por vez primeira subín a un mototaxi, un vehículo ben curioso:

Érika agardábanos nas instalacións da Asociación Cultural El Arte Sano, onde impartín un taller de narración oral eminentemente práctico para docentes de educación inicial:

E despois de escoitar os contos de Gonzalo Paiva, o caer a noite, no patio dunha casa colonial de más de 400 anos de antigüidade , Dulcinea sentiuse coma se estivese no Toboso, e coa participación do público contou a “verdadeira” historia de Don Quixote:

O día seguinte, Mariquiña insistiu en coñecer o Machu Picchu, e eu non puiden  negarme, sabendo que de alí veñen os seus devanceiros:

Regresamos a Cusco o 21 de setembro, con tempo xusto para durmir un pouco e coller de novo un avión que nos levaría de volta a Lima, non sen antes despedirme de Luz Maribel, que tan ben nos coidou durante a nosa estancia en Cusco.

 

Índice

Festival Internacional de Narración Oral do Perú “Todas as Palabras, Todas!” (I)

Festival Internacional de Narración Oral do Perú “Todas as Palabras, Todas!” (II)

Festival Internacional de Narración Oral do Perú “Todas as Palabras, Todas!” (III)

Festival Internacional de Narración Oral do Perú “Todas las Palabras, Todas!” (IV)

Festival Internacional de Narración Oral do Perú “Todas oas Palabras, Todas!” (V)

 

X