Gozaremos vendo as primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos marabillosos e nos libros clásicos da literatura.

O obxectivo é facerlles ver ás crianzas e as súas familias que esas historias que coñecen poden contarse de diferentes maneiras. Que descubran que o cine mudo é unha expresión que pode resultar moi divertida.

Non faltará aventura, humor, misterio, tenrura, maxia, fantasía e sobre todo moita imaxinación.

A literatura é e sempre será unha gran fonte de inspiración para o cine. O cinema tamén se le.

Alicia no pais das Marabillas, Peter Pan, O Mago de Oz, Polgariño, as protagonistas destas historias son nenas e nenos que teñen preocupacións e reflexionan sobre o mundo no que viven. Son fortes, sensatas e pensan por si mesmas.

Reflexan as etapas evolutivas das espectadoras máis cativas. Axudan a formar o seu pensamento crítico, e a súa capacidade reflexiva sobre temas como a amizade, o amor, a igualdade de xénero, o respecto polo diferente…

Estas historias nacen dentro de nós cando somos crianzas. A unha nena, a un neno gústalle vivir aventuras, explorar diferentes lugares, xogar a ser piratas…

Benvidas, benvidos ao “Cinema Marabillas”.

 

Dirección e interpretación: Raquel Queizás

Duración: 50m

Idades recomendadas: a partir de 5 anos e público familiar

A actividade inclúe proxeccións, polo que é preciso poder escurecer o espazo

X