![](https://www.raquelqueizas.com/wp-content/uploads/Romaria.jpg)
Queliña, unha nena de aldea, ten que rematar de apañar as patacas para que a deixen ir á romaría. Alí quedou cos amigos para brincar, bailar e facer carreiras de sacos. Cara á tardiña, antes de que remate a festa, todos os rapaces buscan a avoa Tareixa para que lles conte lendas, lendas para perder o medo.
Á velliña xa lle falla a memoria e é moi despistada, pero as historias que escoitou de nena, esas, non as esquece: lendas de mouras encantadas en fontes, historias de sacos que cantan e lendas que seguen mantendo os nenos atentos, abraiados, coa boca aberta, escoitando cómplices.
As lendas e os contos tradicionais non pasaron de moda; pola contra, están de plena actualidade, xa que a través deles se poden tratar temáticas moi presentes hoxe en día como son a violencia, a diversidade, o medio ambiente ou os hábitos saudables, entre outros.
Así mesmo, estas historias mostran personaxes cos que as nenas e os nenos se poden identificar e que lles serven de referente para adquirir e interiorizar normas sociais, valores e contravalores necesarios para o asentamento dos cimentos da súa personalidade, para convivir, socializar, resolver problemas ou superar os obstáculos que se lles presenten e participar activamente na sociedade, sempre dende un espírito crítico.
Finalmente, tamén lles aprenden que o medo é necesario como un mecanismo de defensa e prevención perante os perigos alleos que existen na sociedade.
![](https://www.raquelqueizas.com/wp-content/uploads/RQ_ROMERIA_1.jpg)
![](https://www.raquelqueizas.com/wp-content/uploads/RQ_ROMERIA_2.jpg)
DATOS TÉCNICOS:
Dirección e interpretación: Raquel Queizás
Duración: 50 minutos (45 minutos de montaxe)
Público: nenas e nenos desde 3 anos e familias.