Historias azuis
HISTORIAS AZUIS
Integra a diabetes na escola
Dous espectáculos de contos creados por Raquel Queizás en colaboración coa Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia (Anedia), co obxectivo de integrar a diabetes nas escolas.
Todos os nenos e as nenas dende unha idade temperá pasan moito tempo na escola, o centro de educación máis importante despois do fogar. Canto mellor sexa a colaboración entre os pais e nais e o profesorado, mellor será a evolución na infancia de quen padece diabetes tipo 1.
Canto máis se fale desta doenza de forma positiva máis normal lles parecerá a diabetes de tipo 1 ás crianzas diabéticas e axudará a eliminar prexuízos. Medrar cunha doenza crónica como a diabetes de tipo 1 non debe ser un freo para o seu desenvolvemento. Tamén durante a infancia, quen ten diabetes pínchase para facer os controis de glicemia, inxéctase insulina e leva unha alimentación sa pero ante todo é un neno ou unha nena coma os demais.
Este neno ou nena convive na clase cun grupo que, na maioría dos casos non saben nada da diabetes de tipo 1 e para quen as picadas, as plumas ou as bombas de insulina e os medidores son obxectos estraños. Sen esquecer as emocións causadas pola súa diabetes ás que se deben enfrontar. Ou os síntomas dunha hipoglicemia ou unha hiperglicemia que non só afecta á nena ou neno diabético senón tamén ao resto do alumnado da aula e educadores.
OBXECTIVOS QUE SE VAN ALCANZAR:
-Explicarlles aos nenos e ás nenas de forma sinxela en que consiste a diabetes.
-Familiarizar o alumnado cos síntomas máis comúns que pode presentar unha persoa diabética na súa vida diaria.
-Proporcionarlles unhas pautas de actuación para que poidan apoiar e acompañar as persoas diabéticas do seu contorno.
A QUEN VAI DIRIXIDO
Á nena e ao neno diabético para que acepte máis facilmente a súa doenza diante dos compañeiros.
Aos compañeiros de clase para que coñezan mellor a diabetes de maneira que a integración na aula sexa óptima. Sen esquecer o feito de compartir a información sobre a enfermidade. Quen sexan máis maiores poden tamén recoñecer os síntomas de hiper/hipo e comunicarllo ao profesorado.
Ao profesorado para que se sinta máis apoiado na acollida en clase dun neno ou nena con diabetes de tipo 1.
PROPOSTA
Este proxecto permite dar a coñecer a diabetes dunha forma lúdica e educativa. Pretende facer fincapé nas emocións e nos estados de ánimo que suscitan tratar esta realidade. A educación emocional é moi importante.
Queremos unha infancia feliz, nenos e nenas que sexan boas persoas, que se sintan ben consigo e coa xente que os rodea. Queremos unha infancia que saiba expresar non só contidos senón tamén emocións.
A información será presentada de forma lúdica a través de dous espectáculos de contos adaptados á idade das nenas e nenos.
“Non nos deixamos vencer pola diabetes, enfrontámonos a ela xuntos”.
NANO TEN DIABETES
(dirixido a nenas e nenos de 3 a 6 anos)
Había unha vez unha ra que non paraba de brincar, sempre cantaba contenta baixo o sol ata que un día todo cambiou… Nano xa non dá choutos, non canta, está triste e bebe auga sen parar. Que lle pasará? NANO ten diabetes.
A través do monicreque da ra, dunha forma entretida e sinxela, os nenos e as nenas comprenderán como se encontra o e porqué está así. O personaxe da ra Nano, servirá como fío condutor para explicar os síntomas máis comúns da diabetes. A través da historia de Nano establecerase un diálogo co público para que poidan comentar o que comprenderon.
Para as mentes que aínda non teñen todas as palabras para expresarse empregaremos monicreques, debuxos, xogos en grupo.
UN CASO AZUL
(dirixido a nenas e nenos de 7 a 11 anos)
A detective Queizás enfróntase ao caso máis difícil da súa carreira.
Tras días buscando a M.S. unha montañeira perdida consegue dar con ela no máis profundo dun bosque. Está tirada no chan sen folgos atrapada nunha silveira, pero compórtase dun xeito estraño. Comería algo velenoso? Picaríalle unha víbora?
Unha detective vai ser quen se atope con que a diabetes forma parte dun caso no que está a investigar. De forma similar ao proceso que un profesional da medicina leva a cabo para realizar un diagnóstico, a rapazada irá seguindo indicios e descubrindo información sobre esta doenza dunha forma lúdica e interactiva.
CONCLUSIÓNS
HISTORIAS AZUIS ofrece ferramentas para fomentar o diálogo na aula. O profesorado e os compañeiros de clase, que están ben informados e non temen intervir nin solicitar axuda, convértense nun grande apoio para o alumno ou alumna con diabetes.
Fai preguntas! Cóntanos ! Estamos para acompañarte!