Para os nosos amigos, os animais, cada día é unha nova aventura chea de cousas que aprender, mentres xogan coas cores, as formas e a música. Porque cando se é tan pequeno ata as cousas más sinxelas se converten en todo un reto.
Os meniños reinventan o mundo cunha mirada que o ve todo pola primeira vez, abraiándose a cada paso, mentres aprenden novos nomes para os obxectos que acaban de descubrir.
Un espectáculo que estimula as habilidades de percepción espacial e psicomotricidade dos bebés a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese e cunha duración apropiada á súa capacidade de atención.
Este é NANO, unha ra que medra cos contos que eu mesma invento.
Nano está aprendendo pouco a pouco o nome das cousas, as cores…, todo o fai xogando, ata que lle toca compartir a auga da súa cunca amarela co pequeno paxaro vermello, Pío.
–Non! di Nano -A auga é miña…
Nano érguese cedo como cada mañá, pero…achís! Hoxe non se atopa moi ben.
O seu amigo Pío dille que vaia ver o doutor. Nano non sabe onde está a súa consulta, pero polo camiño coñecerá a Dara, unha boa amiga, que o vai axudar…
Nano recibe unha visita moi especial o día do seu aniversario. Está todo preparado: a torta, as candeas, os globos. Só faltan os amigos, a que xogarán? Ao rematar terá que se bañar e descubrirá o divertido que é coñecer as partes do seu corpo ao ritmo da música.
Era primavera, camiñaba eu por unha fermosa fraga cando, de súpeto, caín nunha poza!. Tremenda choupada!. Dentro da auga atopei un ovo grande; dende o seu interior, uns ollos saltóns mirábanme…
Nano canta croac cando está contento, pero hoxe está moi calado. Que lle pasa a Nano?
Ás veces non é fácil saber como nos sentimos. Estamos tristes ou anoxados?
Ímolo averiguar.
Un conto musical para axudar os mais pequechos a expresar como se senten.
Nano está medrando moi á présa, xa sabe facer moitas cousas el soíño, pero non quere deixar de usar o cueiro. Ás veces, xogando, todo parece máis sinxelo e divertido. Para usar o penico Nano montará un circo…
Nano é o maior é dá grandes chimpos de ra, Nona, a súa irmá pequena, cae, non sabe, e rise dela.
Nano ten celos de Nona, “Agora, -pensa-, todos os agarimos son para Nona, Nona para aquí, Nona para alá”. Nano quere volver ser pequeno outra vez…
Chegou o outono, Nano dá choutos sobre as follas de cores mentres canta:
Outono bonito
folliñas no chan
castañas asadas
que ricas están!
Estades todas e todos convidados o magosto con Nano.
Nano é unha ra pequena, unha ra que vive cada día unha nova aventura, porque cando se é tan pequeno ata as cousas más sinxelas se converten en todo un reto. Nano vai ter unha nova experiencia vital… vai ir por primeira vez á escola! Como se enfrontará a esta etapa que comeza desde a súa condición de galegofalante? Nano comeza a etapa escolar e é así como vai descubrindo que desde ese lugar tan diverso, a seguridade de ter personalidade e lingua propia van ser un gran apoio.