“As historias lévaas e tráeas a marea, as historias que sabe a nosa serea.”
“O mar é un lugar inmenso e misterioso e está poboado por seres fantásticos e reais.”
Mariña, contos nacidos no mar é un espectáculo de narración oral no que se empregan obxectos, monicreques e a interacción co público para coñecer a Mariña e as súas historias.
Pero quen foi Mariña? Foi unha serea galega que viviu entre nós hai moitos anos. Ao seu fillo contáballe lendas e mitos dos seres mariños que poboaban os fondos do mar.
Agora sae da auga para compartir todas as súas historias con nós e para traernos unha mensaxe moi urxente do océano: que o coidemos, que non esquezamos que nas súas augas naceu a vida e que é a casa de moitos animais e plantas, ademais de nos servir de fonte de alimento, traballo e riqueza a nós, os seres humanos.
Hai que ir á pesca das historias propias da nosa memoria, da nosa tradición oral, para alimentar as novas xeracións. E embarcarnos nos libros para ir na procura de historias alleas doutras terras, ás veces tan diferentes, ás veces tan semellantes ás nosas.