Cinema Marabillas no Salón do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra

Foi unha tarde de cine, unha tarde de contos!!! Grazas por encher as butacas do Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra e mergullarvos comigo no Cinema Marabillas. Ver para ler.
O día 22 de marzo haberá dúas sesións escolares de novo!! Esta mañá estiven coa rapazada do CEIP Vilaverde e do CEIP Xunqueira 2
De novo, feliz de participar nesta edición presencial de O Salón. Grazas a toda equipa do Salón por contar comigo e grazas polas fotos, José Aragunde!!

 

 

 

 

Salón do Libro de Pontevedra 2020

Hoxe de estrea no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra “O mundo de Adela Turín: Clementinas e Bonobos”, foron dúas sesións (no Espazo Morrer de risa) unha para infantil do CEIP Carballeira e outra para terceiro de primaria do colexio Xunqueira 1.

Nos anos 70 do pasado século, Adela Turín fundou “Delle Parte Delle Bambine”. Foi o froito dunha experiencia editorial orixinariamente italiana que pretendía presentar con humor, dunha maneira concreta e intelixíbel, o problema do sexismo a través de álbums ilustrados. Tratábase de ofrecer ás nais e aos pais, ás educadoras e aos educadores as ferramentas necesarias para provocar unha conversa coas nenas e cos nenos sobre este problema crucial.

Por fin puiden saudar a Orbil e presentarlle a Tizi, a bonoba italiana, fixeron boas migas!! “In bocca al Lupo” díxome Tizi. É unha das expresións máis bonitas en italiano. O desexo de que che vaia todo ben, “moita merda” que esteas segura e protexida . A loba coidou e aleitou a Rómulo e Remo (lenda romana sobre os fundadores da cidade de Roma) . A loba e o lobo protexen as súas crías manténdoos na súa boca. “Grazie di cuore, Tizi” “larga vita al lupo”!

Logo estivemos a contar “O mundo de Adela Turín” na sala Rodari, non se pode ser máis italianxs!! Grazas por encher a sala cos vosos risos,familias!!
Grazas, Maruxa, polas fotos e pola túa axuda.

 

 

Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra 2019

Grazas a todas/os por vir hoxe a “Deamos a volta ao conto” no Salón do libro de Pontevedra. Como sinto que quedaran xente amiga fóra, xa non se collía!! Foi fermoso partillar con vós entre outros contos a historia da miña avoa e as súas aventuras na Raia Seca, corría…como corría para traer comida para a súa familia!! Pero, coidado!! Alguen vixía a fronteira…

 

Salón do libro de Pontevedra

Moi ben o pasei onte no Salón do Libro contando contos coa amiga e gran contadora Tareixa de Pavís Pavós na Presentación Aniversario 20 anos do Salón do Libro: “Paseniño, paseniño facendo a Revolución”. Non faltou música, cantos, poesía, danza, contos…
E logo contando con Benita Prieto , unha excelente narradora de Brasil. Será por contos!!!

(Estas fermosas fotografías son de Andrea Area)

Ruta Propia: unha viaxe pola vida e obra de María Victoria Moreno

E mañá domingo, 15 de abril,  ás 17.30 convídovos a unha viaxe pola vida e obra de María Victoria Moreno, unha muller loitadora e soñadora, unha galega de corazón: RUTA PROPIA. Será no Salón do Libro, na súa sala. É unha honra  estrear nese espazo. A preestrea foi onte durante as funcións escolares. A entrada é libre ata completar a capacidade. Fágovos un oquiño?

As fotos da preestrea, feitas nas funcions escolares,  son de Alba Sotelo Leal , o ollo máxico do Salón. A ambientación de conto desta sala é obra da gran equipa Paspallás.

 

Orbil tamén quixo montar na “Teresita” para coñecer mellor a María Victoria Moreno.

 

Estrea de Travesías no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Estrea de Travesías no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Pedín un desexo ás bolboretas monarca e cumpriuse! Viva México!!! Tivemos fermosas e emocionantes TRAVESÍAS.

O tema do Salón do Libro desta edición 2018 foi MULLERES DE CONTO. Eu preparei dúas montaxes cheas de historias que falan de mulleres valentes que loitan polos seus soños, para compartir cas nenas e cos nenos de Pontevedra.

TRAVESÍAS:

É unha colección de viaxes cheas de aventuras de nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños.

Ata hai moi pouco tempo os contos infantís reflectían un mundo onde os mozos eran sempre os heroes que salvaban a unha débil princesa. E case nunca aparecían mozas decididas e resoltas. Pero agora podemos contar con contos que trasmiten valores de igualdade, de respecto e convivencia entre nenas e nenos e entre mulleres e homes. Mudemos o conto!

Aquí vos deixo fotos feitas por Alba Sotelo Leal dentro da programación de escolares:

 

X