O segredo do tendal

Historias incríbeis e manipulación de obxectos.

Colgadas no tendal, as letras senten o sol a facerlles cóxegas e bailan unhas coas outras. A roupa tamén quere xogar como elas xogan: as pinzas axudan a un pano a medrar até se converter nunha montaña, unha toalla foxe correndo entre as cordas… ou é un can de palleiro?
É que neste espectáculo que xoga a tensar os límites entre os contacontos, os títeres e a pantomima, e con eles as fronteiras da imaxinación máis alá do escenario, case nada é o que parece.

Grazas a unha técnica de manipulación de panos, inspirada nos mestres das marionetas orientais, o escenario pasa de amosar pezas de roupa secando ao sol a ser o interior dun castelo, un mar poboado por sereas ou a cova dun feroz polbo, gardián dun tesouro.

Inspirado nas lembranzas de moitas tardes escoitando as historias da miña avoa mentres tendiamos a roupa ao sol de agosto, preparei este espectáculo para presentar a tradición oral á nova xeración de nativos dixitais.
Porque… habería máis cousas que contar, pero parece que secou a roupa…

X