Begoña ao teléfono

Begoña ao teléfono

Begoña ao teléfono. Unha homenaxe á vida e obra de Begoña Caamaño por Raquel Queizas

Atención! Begoña, a nena, está ao teléfono e conecta co pasado.

 

Como xornalista valente e defensora da nosa lingua, Begoña usa o galego como un altofalante para darlles voz ás protagonistas das lendas. Dende o mar, Circe e Penélope alíanse para seren libres; e dende a néboa, a fada Morgana rescata á raíña Xenebra, desafiando o sabio Merlín. Cunha ollada feminista, Begoña demostra que as mulleres dos mitos non son secundarias, senón donas do seu destino.

Sintoniza e únete á rebelión de Begoña Caamaño! Unha chamada, tres historias de coraxe e unha lingua que nos fai libres.

 

 

Espectáculo de narración oral e manipulación de monicreques e obxectos creado, dirixido e interpretado por

Raquel Queizás

Público: a partir de 5 anos, familiar

Duración: 45 minutos

A Maleta da Mestra

A Maleta da Mestra

Á mestra suplente chamábamoslle “pisa pouquiño”, era divertida e agarimosa non como Dona Clarisa.

Chsss! Que agocha a maleta da nova mestra? Que misterio! Abrímola amodiño…

Moitas follas de papel escritas, voan e quedan ciscadas polo chan. A mestra non se enfada, sorri e di:

-Estamos na HORTA DAS NOSAS LETRAS. Vexo, vexo, un A…Adiviñas, contos e lendas!

Despois de recoller a mestra móstranos máis tesouros da súa maleta.

Cada obxecto garda unha historia que porá de relevo a importancia da historia da nosa lingua e do noso patrimonio material e inmaterial.

Viaxaremos no tempo ás escolas da década de 1930 en Galicia para coñecer á mestra “Pisapouquiño”. Unha mestra diferente: dá abrazos e non varazos, pidelle ás nenas que veñan á escola, permite e fomenta a fala en galego, ensina con fábulas, adiviñas, trabalinguas e baile! Mesmo ten unha gansa para vixiar a escola e dar de xantar ovos á cativada.

Sen aprender sobre a represión que sufriu a lingua galega, é imposible entender ocontexto do galego actual. Ser galega é unha forma de vida, unha maneira de existir no mundo.

 

A Maleta da Mestra

Dirección e interpretación: Raquel Queizás

Cartel: Aldara Piñeiro

Duración: 50 minutos (30 minutos de montaxe)

Público: nenas e nenos desde 3 anos e familias

A Touporroutou

A Touporroutou

Quen é? Para descubrilo, achegádevos coas orellas ben abertas para escoitar e descifrar cantigas.

Vide cos ollos ben abertos para non perder detalle das historias que agochan moitos obxectos misteriosos. E vide coa boca ben aberta para recitar adiviñas, refráns, trabalinguas e para cantar!

A recolla vai comezar! Investigaremos coa rapazada, recreando esa labor que, no pasado e no presente, segue a ser tan importante para manter vivo o noso patrimonio oral.

A Touporroutou foi e é unha de tantas mulleres que gardan e transmiten a nosa poesía oral. Moitas desas voces de mulleres, gravadas no pasado en pequenas cintas de casete, son hoxe fonte de inspiración para as máis recentes figuras da música actual. Foron as cantareiras, moitas delas sen saber ler nin escribir, creadoras de poesía e transmisoras da arte e da beleza, malia a dura vida que lles tocou pasar… “Cantar, cantábase sempre.”

 

Onde vas, Touporroutou?
Vou cantar!
Hei de cantar, hei de rir,
hei de ser muller alegre,
hei de mandar a tristeza
para o demo que a leve.

Valse Corrido de Agranzón (Muxía)
Eva Castiñeira

A TOUPORROUTOU

Espectáculo de narración oral e obradoiro.
Duración: 45 minutos
Público a partir de 5 anos
Dirixido e interpretado por Raquel Queizás

As chaves de Lu

As chaves de Lu

Un día saín do meu violino, lembro, e enxordecín a escala da corda por lle facer nós de palabras que me permitisen baixar aos camiños…

Luísa Villalta

Luísa Villalta foi poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, filóloga, violinista, e profesora.

Coñeceremos a unha muller visionaria, fascinante, valente, feminista, activista e comprometida coa lingua. Loitou tamén pola defensa do ensino público e da educación como espazo de liberdade e corrección das desigualdades.

As chaves de Lu abren portas ao pasado e ao futuro. Para entender o noso tempo, temos que coñecer o que aconteceu antes.

Viremos a chave…

Espectáculo de narración oral con manipulación de obxectos.

Duración 45 minutos
A partir de 5 anos e familias
Creado, dirixido e interpretado por Raquel Queizás

O loitador da galaxia

O loitador da galaxia

O LOITADOR  DA GALAXIA
Unha homenaxe á vida e obra de Francisco Fernández del Riego.
Pasaron 60 anos desde que Don Paco inventou o Día das Letras Galegas, si! Saíu do seu maxín, como moitas outras iniciativas culturais que contribuíron e contribúen a dar prestixio á nosa lingua e á nosa literatura.
Se queredes coñecer este loitador cultural, galeguista incansable, apertade ben o cinto; nun momento levantamos voo cara á Galaxia, a editora que creou xunto con outros compañeiros nunha época ben, ben escura.

Espectáculo de narración oral

Duración 45 minutos

A partir de 5 anos e público familiar

Dirixido, escrito e interpretado por Raquel Queizás

Na túa man

Na túa man

Nellie Bly foi a primeira reporteira de periodismo de investigación e pioneira do xornalismo encuberto. Remexeu as conciencias coas súas atrevidas e perigosas reportaxes.

Aquela mañá, por baixo da porta da reporteira, entrou unha nota anónima, “na túa man” puña…

Ao longo dunha inesperada investigación imos ir descubrindo historias e relatos para poñer en valor o respecto, a tolerancia e mais a comunicación dentro das relacións entre as persoas.

Desmitificaremos o mal chamado “amor romántico” para darmos a coñecer o fenómeno da violencia de xénero, incidindo nas causas, tipos e consecuencias.

Viaxaremos na procura de novos modelos saudábeis de parella. Atoparemos mulleres fortes e decididas, e homes que poden expresar outras emocións que non sexan a rabia e a ira, que está ben mostrar tenrura, e que coidar tamén é cousa de homes.

O cambio está nas nosas mans, o cambio está NA TÚA MAN.

Dirección e interpretación: Raquel Queizás

Espectáculo de narración oral

Duración: 45 minutos

Recomendado para nenas e nenos a partir de 3 anos. Público familiar

X