Ven a Conto

Ven a Conto

Contos para educar a intelixencia emocional.

O sol loce sobre un fermoso ceo violeta. A señora Teresa  almorza galletas sen présa, mentras lembra unha brincadeira de cando era nena. Aldariña prepara a mochila cos libros e o medidor de insulina para ir ao cole axiña . Pedro quedou  durmido co libro pegado ao couquizo…

Comeza o día en vila Conto. Os paxaros libro cantan: “Había unha vez”.

Xogo a que Conto se chama esa vila na que eu moro, onde os paxaros libro me contan historias dos veciños e as veciñas. Historias para vencer a soidade, para resolver conflitos de forma positiva, para gañar amigos e perder inimigos. Todas e todos merecemos unha oportunidade para ser mellores…

Ven a Conto de Raquel Queizás
Ven a Conto de Raquel Queizás
Ven a Conto de Raquel Queizás
Ven a Conto de Raquel Queizás

DATOS TÉCNICOS

Dirección e interpretación: Raquel Queizás

Monicreques de papel: Raquel Queizás e Aldara Piñeiro

Escenografía e deseño do cartaz: Juan Juste (Supervillano)

Espacio sonoro: Daniel Piñeiro

Duración do espectáculo: 45m.

Montaxe: 60m. Desmontaxe: 30m

Idade recomendada do público: de 3 a 11 anos, familiar.

Romaría

Romaría

Romaría é un espectáculo de narración oral onde as nosas lendas tradicionais achegan o mundo rural e antigo aos rapaces, descubríndolles un modo de vida descoñecido para os máis deles.

Queliña, unha nena de aldea, ten que rematar de apañar as patacas para que a deixen ir á romaría. Alí quedou cos amigos para brincar, bailar e facer carreiras de sacos. Cara á tardiña, antes de que remate a festa, todos os rapaces buscan a avoa Tareixa para que lles conte lendas, lendas para perder o medo.

Á velliña xa lle falla a memoria e é moi despistada, pero as historias que escoitou de nena, esas, non as esquece: lendas de mouras encantadas en fontes, historias de sacos que cantan e lendas que seguen mantendo os nenos atentos, abraiados, coa boca aberta, escoitando cómplices.

As lendas e os contos tradicionais non pasaron de moda; pola contra, están de plena actualidade, xa que a través deles se poden tratar temáticas moi presentes hoxe en día como son a violencia, a diversidade, o medio ambiente ou os hábitos saudables, entre outros.

Así mesmo, estas historias mostran personaxes cos que as nenas e os nenos se poden identificar e que lles serven de referente para adquirir e interiorizar normas sociais, valores e contravalores necesarios para o asentamento dos cimentos da súa personalidade, para convivir, socializar, resolver problemas ou superar os obstáculos que se lles presenten e participar activamente na sociedade, sempre dende un espírito crítico.

Finalmente, tamén lles aprenden que o medo é necesario como un mecanismo de defensa e prevención perante os perigos alleos que existen na sociedade.

DATOS TÉCNICOS:

 

Dirección e interpretación: Raquel Queizás

Duración: 50 minutos (45 minutos de montaxe)

Público: nenas e nenos desde 3 anos e familias.

 

 

Mariña

Mariña

“As historias lévaas e tráeas a marea, as historias que sabe a nosa serea.”

“O mar é un lugar inmenso e misterioso e está poboado por seres fantásticos e reais.” 

Mariña, contos nacidos no mar  é  un espectáculo de narración oral no que se empregan obxectos, monicreques e a interacción co público para coñecer a Mariña e as súas historias.

Pero quen foi Mariña?  Foi unha serea galega que viviu entre nós hai moitos anos. Ao seu fillo contáballe lendas e mitos dos seres mariños que poboaban os fondos do mar.

Agora sae da auga para compartir todas as súas historias con nós e para traernos unha mensaxe moi urxente do océano: que o coidemos, que non esquezamos que nas súas augas naceu a vida e que é a casa de moitos animais e plantas, ademais de nos servir de fonte de alimento, traballo e riqueza  a nós, os seres humanos.

Hai que ir á pesca das historias propias da nosa memoria, da nosa tradición oral, para alimentar as novas xeracións.  E embarcarnos nos libros para ir na procura de historias alleas doutras terras, ás veces tan diferentes, ás veces tan semellantes  ás nosas.

”O mar, fermoso e misterioso…”

A Maleta da Avoa

A Maleta da Avoa

Desde ben pequena escoitaba os contos da avoa á mañá, na merenda e, sobre todo, á noite. A maleta da avoa está chea de pequenos tesouros; nela vive a memoria. Dentro dela brincan trasnos, mouras, nenas espelidas, bonecas feitas con carozos de millo…

Abrímola?

A Maleta da avoa é un espectáculo de contos e lendas tradicionais galegas no que se empregan obxectos e monicreques, dirixido a nenas e nenos de tres anos en adiante e mais as súas familias.

DATOS TÉCNICOS:

 

Dirección e interpretación: Raquel Queizás

Duración: 50 minutos (30 minutos de montaxe)

Público: nenas e nenos desde 3 anos e familias.

 

 

Historias da Maletra

Historias da Maletra

O A está agachado detrás do “Q”, os “R” andan a rir e rir cos “I”, mentres o “C” e o “G” axudan o H a facer barullo… Todas as letras xuntiñas   viaxan   e xogan dentro da   miña Maletra. E cando a abro para coller as miñas cousas,   todas as   letras corren para fóra, bailando e formando   palabras que xogan á roda e me contan ao ouvido fermosas historias; historias que levan moito tempo andando polo mundo de boca en boca, de soño en soño.

De tanto andar a tombos polo mundo, os contos coñeceron outras paisaxes e xente doutros países e foron aprendendo a falar outras linguas. E durante todas as noites e todos os días que pasaron falando xuntos naquelas linguas exóticas, mesturáronse e naceron novos contos; de tal xeito que cada vez que abro a miña Maletra escoito novas historias.

A ver cales me están agardando hoxe!

A orixe

A orixe

Un espectáculo de contos de Raquel Queizás

“Contade o que sabían os antigos para que non desapareza…” 

A ORIXE é un espectáculo de narración oral, manipulación de obxectos e monicreques.

Unha exploradora chega á biblioteca co afán de compartir as narracións escoitadas nas súas expedicións ao longo do mundo. Ante os ollos dun público participativo, a exploradora dramatizará diferentes lendas, contos e mitos, coa axuda dalgúns pequenos tesouros recollidos nas súas viaxes.

A ORIXE é unha recolleita de lendas, mitos e contos da tradición oral de diferentes culturas do mundo. Estas historias teñen un dobre propósito. Por un lado, son unha forma de educar os máis novos (os contos están protagonizados por animais personificados que se debaten entre o uso da forza bruta e o emprego da intelixencia para a resolución dos conflitos). Doutra banda, moitas destas lendas buscan describir e explicar a orixe do mundo e o lugar que o home ocupa nel, fomentando o respecto pola natureza.

“No comenzo non existía nin o día nin a noite…”

X