5 marzo , 2026
Hoxe, grazas ao Concello de Caldas, a igualdade, visitei o CPR San Fermín e o CEIP San Clemente. Fun contar “Elas sempre contan” Historias de escritoras que non o tiveron nada fácil… E mañá máis, no CPR La Encarnación e no CPI Alfonso VII



4 marzo , 2026
Hoxe a cativada da escola Xela Arias de Sarria achegouse ata a Casa da Cultura para coñecer a unha das mulleres que eu máis admiro, a miña avoa. Dámoslle volta ao conto!!
Grazas pola vosa escoita agarimosa!!! Ata a próxima historia…
A miña avoa, con 14 aniños xa gañaba para manter á familia, non foi á escola, pero o que ela sabía…Os cálculos todos de cabeza. Ao chegar a noitiña montaba na burra para atravesar a raia seca e voltar cargadiña de café, aceite, sabas,… de Portugal. O estraperlo. Outra muller valente e revolucionaria como tantas. Ela contoume contos que eu descoñecía, de mulleres donas do seu destino e de homes que se liberan da máscara da masculinidade e permítense mostrar a súa sensibilidade.


23 febreiro
, 2026
Hoxe celebramos o aniversario de Rosalía en Oural (Sarria)
Que mañá tan entretida pasamos no CEIP Antonio Fernández López de Oural coa miña contada “Buscando a Rosalía”. Non hai mellor data ca hoxe para lembrar a nosa poeta universal, aquela que sempre estivo orgullosa da súa terra, da súa xente e da nosa lingua.
Unha maleta viaxeira…

A maxia agardaba dentro dunha maleta. Pouco a pouco, fomos descubrindo follas escritas que gardan a alma da nosa terra, chapeus e panos que nos contan historias de antano e moitos misterios por resolver.
A miña nai non era triste. Nada diso. Moi alegre, sempre estaba de broma e tiña verdadeiro enxeño para dicir ocorrencias. Non, non era triste. A miña nai era moi alegre, coma un raio de sol.
Alexandra Murguía de Castro
A rapazada de Oural estivo de dez: non perdeu ollo de nada e foi peza clave para axudarme a desvelar cada segredo. É un orgullo ver como as novas xeracións conectan con Rosalía con tanto entusiasmo e respecto.
Grazas infinitas a Laura, a todo o equipo de mestras e, por suposto, a cada un dos nenos e nenas por contar comigo nun día tan sinalado. Foi un pracer compartir con vós este día cheo de poesía, identidade e feminismo.

21 febreiro
, 2026
Hoxe o noso Nano ponse de festa! Celebramos o Día da Lingua Materna da mellor maneira posible: dentro da programación de “Sábados Miúdos” en Betanzos.
Para os máis pequenos, a lingua é un xogo máis. É o fío que nos une mentres medramos, descubrimos o mundo e facemos eses primeiros amigos na escola que duran para sempre. En Nano vai á escola cremos que as palabras son bicos que se din en voz alta.
Grazas, Betanzos, por coidar o noso falar dende a infancia!



19 febreiro
, 2026
Onde foi Nano esta tarde? Á Biblioteca de Carral!
Vivimos unha tarde de viaxes imaxinarias e moitas aprendizaxes. Con A viaxe de Nano exploramos a importancia de facer amigos e saber compartir, dous piares fundamentais para os nosos pequenos viaxeiros.
Ver como medran e se expresan na nosa lingua é o mellor regalo de cada sesión. O galego viaxa con nós e fainos chegar moi lonxe! Grazas a todas as familias que viñestes compartir o voso tempo con Nano.
A próxima parada xa está preto! Grazas, Isa tamén polas fotos e polo gran bolo do mellor pan!!!


13 febreiro
, 2026
O medo só existe ata que se conta!!
Esta tarde, a rapazada disfrazada, agardaba historias na Biblioteca Neira Vilas de Vigo, entre lendas e misterios da nosa terra, vin algo marabilloso: nenas e nenos que, co corazón a cen, decidiron escoitar, aprender e vencer os seus medos. Seguide gozando do entroido!
Grazas ás familias por acompañarnos nesta Romaria de historias e por manter acesa a chama da nosa identidade. Grazas, Mar, por todo.

