A viaxe de Nano na biblioteca Juan Compañel
A Biblioteca Juan Compañel de Vigo acolleu esta tarde, con entradas esgotadas, dúas quendas da nosa contada máis “riquiña”: A Viaxe de Nano. Ver a sala chea de cullarapiñas e as súas familias, coa atención posta no noso pequeno protagonista, é a mellor recompensa.
Quen é Nano? Un monicreque que medra
Para quen non o coñeza, Nano non é unha ra calquera. É un simpático monicreque, verde e cheo de enerxía, que ten a peculiaridade de medrar en galego. Os contos de Nano nacen da necesidade e do desexo de tecer historias propias, inventadas no momento e adaptadas á vida cotiá, sempre coa nosa lingua como ferramenta principal.
A viaxe que presentamos onte tocaba un tema universal e complexo: aprender a compartir.
A nosa ra é rebuldeira, gústalle moito xogar e gardar os seus tesouros só para el. Ao longo da aventura, as nenas e nenos puideron sentirse identificados con ese desexo de non quitar ollo das cousas que son importantes para un, pero tamén coa frustración que pode xerar o egoísmo.
Risas e recoñecemento nas trasnadas
A complicidade do público foi inmediata. As risas eran constantes. O Nano monicreque é un mestre nas trasnadas e nas situacións disparatadas, e eses momentos divertidos son cruciais para que as mensaxes calen sen sermóns. Vimos como as familias e os pequenos seguían con intensidade as peripecias da ra, dándolle ánimos e recoñecendo na súa aventura o seu propio proceso de maduración.
O final máis doce: bicos de ra!
Se a viaxe de Nano é sobre medrar, o final debe ser unha celebración dese crecemento. Despois de moitos intentos e tras unha divertida lección, Nano, por fin, descobre a alegría de dar. A maior mostra dese cambio foi o reparto de moreas de bicos de ra!
Este acto, sinxelo e doce, pechou a contada deixando un sabor inmellorable. Demostroulles aos asistentes que as emocións, tanto a reticencia inicial a compartir como a felicidade posterior de facelo, son parte da viaxe de todos.
Por que contar con Nano?
– Identidade e Lingua: É unha oportunidade marabillosa para que os máis pequenos se divirtan e creen afectos coa lingua galega.
– Educación Emocional: A través do xogo e do monicreque, traballamos valores como a empatía e a xenerosidade.
-Comunidade: As familias participan, e o acto convértese nun espazo de encontro e risa colectiva.
Moitísimas grazas á Biblioteca Juan Compañel e a todas as familias de Vigo por facer de “A Viaxe de Nano” unha xornada inesquecible. Agardamos vervos pronto en novas aventuras!













