O eco das pedras en Cerpozóns

18 novembro, 2018

Veño feliz de compartir os nosos tesouros coas familias e participantes das III Xornadas sobre Antropoloxía organizadas pola SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega).
Grazas por escoitar  O eco das pedras !!!
E lembrade… Na nosa terra, Galicia, as pedras están vivas. Nelas agóchanse tesouros, nelas viven as mouras encantadas, as serpes grandes, os mouros, os trasnos, os xigantes. Dentro das covas dormen as nubes do Nubeiro antes de formar fortes treboadas. Sobre as pedras descubrimos misteriosos petróglifos, gravados feitos sobre a pedra ao aire libre, que semellan mensaxes secretas que temos aínda que descrifrar. As pedras falan, só hai que pararse a escoitalas para poder viaxar ao outro lado, alén.
Con este espectáculo de narración oral pretendo:
-Que as nenas e os nenos coñezan o valor do noso patrimonio cultural material e inmaterial.
-Que redescubran os nosos petróglifos para que aprendan a estimalos e a coidalos.
-E que coñezan os contos e lendas que nos fan pobo para que logo lles pregunten aos seus avós e bisavós por eles, para que as historias revivan de cada vez e nunca se esquezan.
Fotos de Daniel Piñeiro no Centro Cultural de Cerponzós. Grazas Juan Jose Esperón pola boa acollida.

O Diario de Pontevedra reseñou a actuación na sua edición do día 19/11/2018

 

X