Teatro

Teatro da Semente nace froito da inquedanza de dúas actrices e narradoras, Chus Álvarez e Raquel Queizás. Despois de anos traballando actoralmente no ámbito infantil, tanto por separado como xuntas en varias montaxes doutras compañías, en 2012 deciden unirse e formar esta compañía en prol do xogo, a fantasía e o amor pola infancia e o teatro. Na actualidade, Teatro da Semente conta con 3 obras en cartel: Viaxe a Dadá, Chíos e Gretel e Bela.

Gretel (personaxe extraída de Hansel e Gretel) e Bela (a Bela Adormecida) atópanse nun bosque e comezan, xuntas, unha viaxe iniciática cara ao crecemento persoal, sen necesidade de príncipes nin palacios…

CHÍOS son trinta minutos de poesía sensorial para bebés de 0 a 3 anos e  pais/nais acompañantes, con cantigas, bailes, música, poemas visuais,  xogos e estimulación olfactiva e táctil.

Con este espectáculo descubrimos  o mundo a través dos sentidos, transformamos obxectos, gozamos  coa música e as palabras e exaltamos a importancia do lúdico e do  contacto coa natureza, tan esquecida nestes tempos de xogos de  interior e máquinas xordas.

Entremos no faiado da infancia, subámonos a Dadá, o noso cabaliño de  madeira, e viaxemos xuntos polas lembranzas da nenez, entre xogos e  cantigas. Dadá é a infancia simbolizada nun cabaliño de madeira. De feito, esta  expresión, “dadá” (que dá orixe tamén á arte dadaísta), provén do  balbucido infantil co que os meniños franceses chaman o cabaliño de  xoguete.

Os bebés gatean para explorar e coñecer o mundo que os rodea.

Gatuxo é un espectáculo, dirixido a nenos de 0 a 5 anos e aos seus familiares acompañantes, onde se fusionan as artes, a música, as cantigas, o teatro, os contos, o clown, a manipulación de obxectos e o claqué, todo interpretado en directo por tres músicos a dúas voces e unha actriz.

O espectáculo é unha metáfora do crecemento do meniño e do descubrimento do mundo dende unha perspectiva artística: o Gatuxo é arquitecto dunha caixa, é músico na cociña, é pintor de garabatos, é bailarín de claqué, é cantante, é monicrequeiro cos obxectos cos que brinca e, por suposto, é o narrador da súa propia historia.

Gatuxo vai dirixido a dous públicos moi diferenciados, que acudirán xuntos a ver a obra: os nenos, para os que está destinada a parte máis sensorial e orgánica do espectáculo, e os seus pais/nais, que recoñecerán na evolución de Gatuxo a dos seus propios fillos.

Gatuxo é a semente da arte mesma.

​Escóitase o latexo dun corazón, a ritmo de tambor, que provén dunha gran caixa branca que se atopa no centro do espazo escénico. Asoma un pé envolto nun calcetín e polo outro lado vese unha man. Por riba aparece a cabeza, primeiro con timidez, e logo con curiosidade:

-Cucú!_ o bebé sae da caixa cunha inxenuidade absoluta e un desexo enorme por coñecer.

Fóra todo semella un gran lenzo branco para debuxar. A partir do xogo é como o pequeno se coñece a si mesmo e todo o que o rodea. Comeza a brincar coa caixa, que se converte no seu mellor xoguete: transformarase nunha casa, nunha cociña, nunha avioneta, nunha cara co seu primeiro sorriso, nun armario cheo de pezas grandes de roupa, nun parque no que xogar cos amigos…

En cada un dos espazos recreados represéntase a evolución do meniño, reflectida nas súas rutinas diarias. Grandes aventuras o agardan: aprender a comer só, descubrir a risa, comezar a gatear, emitir os primeiros sons e verbas, xogar, dar os primeiros pasos, bailar…

X