Somos iguais en Ribadeo
Cantas familias, amigas, amigos e peregrinas viñeron onte a escoitar Somos Iguais. Contos pola Igualdade ao Parque de San Francisco en Ribadeo. Grazas, Mariña e Luinha do Observatorio da Mariña pola Igualdade por organizar a actividade e grazas ao Concello e Ribadeo por colaborar. Ata o próximo conto!!
Moitas grazas polas vosas verbas nas redes sociais:
Na xornada do mércores, @marinhapardo, unha das nosas compañeiras, organizou un encontro feminista que vivimos no parque de San Francisco en Ribadeo, xunto coas historias de Raquel Queizás, co título “Somos iguais”. As súas historias conseguiron elevar a imaxinación de nenas, maiores e de todalas persoas que alí se concentraron para escoitala. Alí, atopamos un ambiente participativo, onde a picaraxada e maiores preguntaban, respondían, e mesmo interviñan nos propios contos que Raquel Queizás ía relatando. A curiosidade e a imaxinación voaban xunto coas verbas que desmontaban os mitos máis acaecidos arredor da imaxe da muller nos contos, como por exemplo a submisión. De simbolismo tamen se viu cargado o lugar, xa que o bullying, o maltrato, e o machismo fixose comprender a través da contacontos, que entre “glups”, exploracións, e con moito, moito medo, fixemos fronte a todas esas situacións onde se nos presenta a ocasión de vencer sendo, nós mesmas, as que escribamos -e representemos- a nosa propia historia de vida. A perspectiva de xénero, o feminismo, e a sororidade tamén foron imprescindibeis para que todas as alí presentes entenderamos que ainda queda moito por facer para ser iguais, pero que estamos un pasiño máis preto da igualdade se conseguimos unir forzas. En definitiva, a xornada trascorreu con interese, curiosidade, risa e moita diversidade, grazas ao magnetismo que Raquel Queizás puido acadar no momento do seu espectáculo, xa que coa sua forma de narrar as historias, logrou captar as atencións plenas de maiores e pequenas, quedando claro que o importante é investigar, pensar, e explorar para chegar a iso, a ser iguais. Grazas a todas as que participastes, ata alí vos achegastes, e puidestes pasar un bo rato da man da nosa contacontos favorita, Raquel Queizas.
Páxina do Observatorio da Mariña pola Igualdade en Facebook (02/08/2024)