Obradoiro e contada en Friol

7 abril, 2017

Foi un auténtico pracer ir o CPI Dr. López Suárez de Friol (Lugo) para impartir un obradoiro de iniciación na arte de contar contos.

Así o contaron no blog da biblioteca do CPI Dr. López Suárez:

O venres, día 7 de abril, tivemos unha visita de luxo. A actriz, contacontos e titiriteira Raquel Queizás viaxou ata as nosas terras para ofrecer ao alumnado da Eso un obradoiro de iniciación na arte de contar contos. Despois de crear un clima distendido e propicio para a desinhibición, mostrounos unha chea de técnicas e recursos para dar vida aos personaxes das historias, ensaiando distintas tipoloxías mediante a expresión oral e corporal. Ao final desta sesión o alumnado converteuse no verdadeiro  protagonista, deixándonos ver nalgún caso que, con traballo, poderán chegar a ser grandes contacontos.

Na segunda sesión o alumnado da Eso deixou o escenario para se converter en público e observar todo o aprendido na hipnótica actuación de Raquel diante do alumnado de Infantil. Ofreceu contos tirados das lendas, centrándose nos seres mitolóxicos da tradición galega, concretamente, trasnos e meigas.

E agora, o reto: o alumnado da Eso terá que se preparar para facer unhas contadas aos cursos de infantil nunha sesión no mes de xuño, día aínda por determinar. Ánimo a tod@s!

Agradecementos a Raquel por esta xornada, e recordemos o seu consello para lograr namorar cos contos: moita preparación e sentir o pracer pola transmisión oral

(enlace ao blog da biblioteca do CPI Dr. López Suárez)

X