Na túa man no IES Pedregal de Irimia
Hoxe visitei o IES Pedregal de Irimia en Meira para compartir coa rapazada “Na túa man“. Grazas, Bea, por pensar en min!!
Nellie Bly foi a primeira reporteira de periodismo de investigación e pioneira do xornalismo encuberto. Remexeu as conciencias coas súas atrevidas e perigosas reportaxes.
Aquela mañá, por baixo da porta da reporteira, entrou unha nota anónima, “na túa man” puña…
Ao longo dunha inesperada investigación imos ir descubrindo historias e relatos para poñer en valor o respecto, a tolerancia e mais a comunicación dentro das relacións entre as persoas.
Desmitificaremos o mal chamado “amor romántico” para darmos a coñecer o fenómeno da violencia de xénero, incidindo nas causas, tipos e consecuencias.
Viaxaremos na procura de novos modelos saudábeis de parella. Atoparemos mulleres fortes e decididas, e homes que poden expresar outras emocións que non sexan a rabia e a ira, que está ben mostrar tenrura, e que coidar tamén é cousa de homes.
O cambio está nas nosas mans, o cambio está NA TÚA MAN.