Estrea de O Eco das Pedras

2 setembro, 2017

Existiu hai moito tempo, en Galicia, unha aldea chamada Veromundo, estaba chea de lendas que se escondían nas covas e mámoas de pedra. Este lugar desapareceu co paso do tempo, ninguén se lembra xa do seu nome.
Pero, de cando en vez, sen previo aviso “aparece” diante dos nosos ollos un cova de Veromundo, na que habita unha moura, unha sabia, unha encantada que conta o que non está escrito empregando
para iso os petróglifos que rodean a súa morada.

Na nosa terra, Galicia, as pedras están vivas. Nelas se agochan tesouros, nelas viven as mouras encantadas, as serpes grandes, os mouros, os trasnos, os xigantes…
Dentro das covas dormen as nubes do Nubeiro antes de formar fortes treboadas. Sobre as pedras descubrimos misteriosos petróglifos, gravados feitos sobre a pedra ao aire libre, que semellan mensaxes secretas que temos aínda que descrifrar. As pedras falan, só hai que pararse a escoitalas para poder viaxar ao outro lado, alén.

O Eco das Pedras foi patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra dentro do seu programa do Ano Patrimonio.

E finalmente, o día da estrea do Eco das Pedras no Auditorio Municipal de Covelo…

As mouras rescatáronnos, enviaron a Diana e Severino, un mouro moi forte que levantou o noso coche avaríado na autoestrada. E a moura Mara enviou a Rubén que levou no seu coche toda a “equipaxe” do espectáculo ata o Auditorio de Covelo, el é o bibliotecario, un verdadeiro encanto.

Finalmente estreamos O Eco das Pedras  con éxito e puntuais, digo estreamos por que na Mourindade (Nación na que viven as mouras e os mouros) somos moitos... Colaboraron na montaxe: O mouro Daniel Piñeiro coa súa maxia, a Moura Elena Paz Alonso tocou o arpa, o mouro Félix Rodríguez cunha moura misteriosa compuxeron trebóns con percusión para o Nubeiro Facundo. A forte e creativa foi a moura Laia , que “esculpiu”, na pedra, petróglifos galegos, que fixeron os nosos antepasados prehistóricos, coa forza do seu dedo como quen debuxa no cristal embazado dunha xanela un día de choiva, para que os vexan e coiden as nenas e nenos de todas as idades que nos acompañaron en Covelo…

Foron meses vivindo na cova das nosas lendas, (en realidade dende nena me arrolaron con elas) acompañada entre outrxs polo meu admirado Antonio Reigosa, teño gañas de coñecerte en persoa despois de tanto lerte e escoitarte…

X