A maleta da avoa na Casa Museo Manuel María

A maleta da avoa na Casa Museo Manuel María

Hoxe tiven o pracer de coñecer a Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei, unha visita moi recomendable. Alí esperábanos Antón que moi amable fíxonos unha visita guiada por todos os cuartos da casa, contounos moitas anécdotas, descubriunos segredos, enredamos entre espellos e versos… Logo compartín contos e lendas na vella palleira coas familias, ao remate Antón nos convidou a merendar, sempre o fai cos artistas. Que riquiño!! como a tortilla, o xamón e o queixiño!!

 

O xogo de Nano na Biblioteca de Lugo

O xogo de Nano na Biblioteca de Lugo

Hoxe venres, na Biblio Nodal de Lugo, fixen novas amigas e amigos e reencontreime con moitas cullarapas e cullarapos que xa están feitos unhas ras!! Como medraron!!

O eco das pedras en Cerpozóns

O eco das pedras en Cerpozóns

Veño feliz de compartir os nosos tesouros coas familias e participantes das III Xornadas sobre Antropoloxía organizadas pola SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega).
Grazas por escoitar  O eco das pedras !!!
E lembrade… Na nosa terra, Galicia, as pedras están vivas. Nelas agóchanse tesouros, nelas viven as mouras encantadas, as serpes grandes, os mouros, os trasnos, os xigantes. Dentro das covas dormen as nubes do Nubeiro antes de formar fortes treboadas. Sobre as pedras descubrimos misteriosos petróglifos, gravados feitos sobre a pedra ao aire libre, que semellan mensaxes secretas que temos aínda que descrifrar. As pedras falan, só hai que pararse a escoitalas para poder viaxar ao outro lado, alén.
Con este espectáculo de narración oral pretendo:
-Que as nenas e os nenos coñezan o valor do noso patrimonio cultural material e inmaterial.
-Que redescubran os nosos petróglifos para que aprendan a estimalos e a coidalos.
-E que coñezan os contos e lendas que nos fan pobo para que logo lles pregunten aos seus avós e bisavós por eles, para que as historias revivan de cada vez e nunca se esquezan.
Fotos de Daniel Piñeiro no Centro Cultural de Cerponzós. Grazas Juan Jose Esperón pola boa acollida.

O Diario de Pontevedra reseñou a actuación na sua edición do día 19/11/2018

 

Obradoiro de iniciación na arte de contar contos

Obradoiro de iniciación na arte de contar contos

Este luns impartín un obradoiro de iniciación na arte de contar contos  aos alumnos de 2ºA e 2ºB de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos de Borbén.

O obxectivo deste obradoiro de iniciación foi o de intentar achegar ao alumnado o amor pola nosa lingua a través dos nosos contos e as nosas lendas para lles descubrir os nosos seres míticos, que en ocasións gardan moitas similitudes cos seres míticos doutras culturas.

O tempo foi pouquiño pero puxéronlle tantas ganas, teñen tanto que contar… que haberá que voltar!!!

O xornal Faro de Vigo reseñou este obradoiro na sua edición do 11/12/2018

Travesías na Casa da Cultura de Seixo

Travesías na Casa da Cultura de Seixo

O Grupo Cultural RONSEL de Seixo (Marín) organiza o II Outono cultural de Seixo, con unha morea de actividades na Casa da Cultura. Foi para min todo un pracer acudir con Travesías. Recordade o que dicía Emily Dickinson: “Para viaxar lonxe, non hai mellor nave que un libro”

 

O Diario de Pontevedra fíxose eco da actuación:

X