Somos iguais nas IV Xornadas de xénero de Ponteceso

Somos iguais nas IV Xornadas de xénero de Ponteceso

Sempre é unha alegría coñecer unha biblioteca nova, esta tarde tiven unha sesión ben bonita na Biblioteca de Ponteceso con “SOMOS IGUAIS” dentro das IV Xornadas de xénero que organiza cada ano o Concello de Ponteceso. Grandes e pequenos vivimos os contos.

Así reseñaron a actuación dende o face do Concello:

De nenos sensibles e nenas fortes falounos esta tarde a contadora Raquel Queizas e Queliña, a protagonista do espectáculo infantil “Somos iguais”, que se celebrou na Biblioteca Municipal dentro das IV Xornadas de Xénero. Durante case unha hora pequenos/as e maiores compartiron escenario, emocións, diversión e moitos contos pola igualdade moi ben contados. Moitas grazas a todos por participar e contribuír a educar en valores.

Grazas pola agarimosa acollida!

A maleta da avoa na Casa Museo Manuel María

A maleta da avoa na Casa Museo Manuel María

Hoxe tiven o pracer de coñecer a Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei, unha visita moi recomendable. Alí esperábanos Antón que moi amable fíxonos unha visita guiada por todos os cuartos da casa, contounos moitas anécdotas, descubriunos segredos, enredamos entre espellos e versos… Logo compartín contos e lendas na vella palleira coas familias, ao remate Antón nos convidou a merendar, sempre o fai cos artistas. Que riquiño!! como a tortilla, o xamón e o queixiño!!

 

O xogo de Nano na Biblioteca de Lugo

O xogo de Nano na Biblioteca de Lugo

Hoxe venres, na Biblio Nodal de Lugo, fixen novas amigas e amigos e reencontreime con moitas cullarapas e cullarapos que xa están feitos unhas ras!! Como medraron!!

O eco das pedras en Cerpozóns

O eco das pedras en Cerpozóns

Veño feliz de compartir os nosos tesouros coas familias e participantes das III Xornadas sobre Antropoloxía organizadas pola SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega).
Grazas por escoitar  O eco das pedras !!!
E lembrade… Na nosa terra, Galicia, as pedras están vivas. Nelas agóchanse tesouros, nelas viven as mouras encantadas, as serpes grandes, os mouros, os trasnos, os xigantes. Dentro das covas dormen as nubes do Nubeiro antes de formar fortes treboadas. Sobre as pedras descubrimos misteriosos petróglifos, gravados feitos sobre a pedra ao aire libre, que semellan mensaxes secretas que temos aínda que descrifrar. As pedras falan, só hai que pararse a escoitalas para poder viaxar ao outro lado, alén.
Con este espectáculo de narración oral pretendo:
-Que as nenas e os nenos coñezan o valor do noso patrimonio cultural material e inmaterial.
-Que redescubran os nosos petróglifos para que aprendan a estimalos e a coidalos.
-E que coñezan os contos e lendas que nos fan pobo para que logo lles pregunten aos seus avós e bisavós por eles, para que as historias revivan de cada vez e nunca se esquezan.
Fotos de Daniel Piñeiro no Centro Cultural de Cerponzós. Grazas Juan Jose Esperón pola boa acollida.

O Diario de Pontevedra reseñou a actuación na sua edición do día 19/11/2018

 

X