Biblioteca Vivente “Tesouros vivos”

24 novembro, 2018

Os días 22 e 23 de novembro, no Auditorio municipal de Ourense, desenvolvéronse 4 sesións da Biblioteca Vivente ‘Tesouros vivos’ nas que máis de 300 mozos/as de Secundaria e dos Ciclos de Animación sociocultural e Educación infantil se puxeron en contacto e dialogaron con 8 libros vivos: libros que representan aos Tesouros Vivos (testemuñas de vida relevantes e vinculadas co Patrimonio Cultural Inmaterial e a Historia de Ourense) e libros que representan á Lingua Viva (a lingua como tesouro: pór en contacto a mocidade con persoas galegofalantes para achegarlle as súas experiencias relacionadas co uso da lingua). Unha experiencia innovadora para a difusión participativa do coñecemento interxeracional e para rachar cos prexuízos lingüísticos entre a mocidade.
A Biblioteca Vivente, organizada por Xandobela Educación e Cultura en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense e realizada por primeira vez neste municipio, versa sobre unha novidosa metodoloxía para a dinamización e difusión participativa do coñecemento e a confrontación dos propios prexuízos a través do achegamento a outras realidades sociais e culturais. Nunha Biblioteca Vivente os libros son persoas que difunden a súa experiencia a través da interacción, entrevista e diálogo cos ‘lectores/as’. Para ser un Libro non cómpre ser unha eminencia ou recoñecido estudoso, senón contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras persoas que descoñecen e teñen curiosidade.

Grazas mozas por contar comigo un ano máis! Unha xente fantástica estes LIBROS VIVOS compañeiras e compañeiros!

X