Dámoslle volta ao conto. Contos pola igualdade en Baiona
Esta semana vivín unha marabillosa aventura polos colexios de Baiona (CEIP Fontes, CEIP Belesar, CEP Sabarís, EEI O Areal, Galescola Baiona e CEPI Cova Terreña) con Dámoslle volta ao conto, unha actividade que me levou por todos os centros educativos do municipio. Máis de 300 nenas e nenos de educación infantil e primeiro ciclo de primaria participaron nesta proposta chea de historias, emocións e reflexións.
Con contos tradicionais de diferentes culturas, obxectos e monicreques, propuxen darlles a volta ás historias para romper roles e estereotipos sexistas, e facer visible que todas e todos podemos ser protagonistas, sen importar o xénero. Moitas destas historias naceron da tradición oral e das lembranzas da miña avoa, que sempre me inspirou a contar e a mirar o mundo con ollos curiosos e libres.
Esta actividade formou parte do programa Baiona Lila, impulsado pola Concellería de Igualdade, dirixida por Sheila González Martins, e contou co apoio da Deputación de Pontevedra dentro do programa de sensibilización en igualdade e prevención da violencia machista.
Moitas grazas de novo pola vosa escoita e participación! Quero agradecer de corazón a todos os centros educativos que me acolleron en esta xira de Contos pola Igualdade co espectáculo Dámoslle Volta ao Conto e Nano e Dara.
A vosa escoita activa, as vosas preguntas e a vosa participación foron a mellor recompensa e o mellor impulso para seguir traballando con máis forza! .
E por suposto, un agradecemento moi especial ao Concello de Baiona pola súa confianza en min e na forza transformadora dos contos para promover a igualdade. Sen o voso apoio, isto non sería posible.
💜🚀 Seguimos a darlle volta aos contos e ás ideas!


